28/1/11

ESCUDO OFICIAL DO CONCELLO DE QUIROGA.

 No ano 1996 o equipo de goberno do Concello de Quiroga (Lugo) considerou conveniente adoptar o seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPONSE:
Aprobar o escudo heráldico do Concello de Quiroga (Lugo), que quedará organizado do seguinte xeito: de sinople (verde), e sobre ondas de prata (branco) e azur (azul), unha torre de ouro (amarelo), acompañada, no xefe, dunha cruz de San Xoán de prata e flanqueada de catro estacas do mesmo, dúas en cada flanco. O timbre, coroa real pechada.


Decreto 367/1996, do 26 de setembro, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Quiroga (Lugo).
Publicado no DOGA do 11 de outubro de 1996.